Ir al contenido principal
22 DE MARZO DE 1992
Morre ANTON AVILÉS DE TARAMANCOS
Xosé Antón Avilés Vinagre naceu o 6 de abril de 1935 en Taramancos, lugar da parroquia de Boa, no concello noiés.
No ano 1951 aparece a primeira composición poética de Avilés, "Saloucos d´un emigrante", publicada na revista Tapal, que dirixía Manuel Fabeiro Gómez, xunto con Andrés Rodríguez Millares, Eduardo Ces Iglesias e Ramón Patiño Roquete. A súa colaboración coa revista continuará ata 1955, e consiste na publicación dun poema todos os anos. En 1952 publica no suplemento de Sonata Gallega, Rianxo, "Ofrenda a Manuel Antonio. Poema da nai soa". Neste mesmo ano acada a mención honorífica no Certame literario do Circo de Recreación de Noia, polos poemas "Antón de Noia" e "Cadarso". Na cerimonia de entrega de premios, que tivo lugar o 14 de marzo no Teatro Galicia, coñeceu a Otero Pedrayo, que actuaba como mantedor, e tamén a Ramón Piñeiro, dous persoeiros cos que mantería unha grande amizade.
No ano 1960 prodúcese o regreso do poeta a Noia, e a primeiros de novembro de 1961 colle o camiño da emigración, o seu destino é Colombia, e a noite antes da partida, compártea cos seus amigos, Salvador García-Bodaño e Aurichu Pereira, na súa casa de Santiago de Compostela.
Ao chegar a Bogotá, comeza a traballar nas oficinas da fábrica de manteiga Retina e, poucos meses despois, en marzo de 1962, sabe por un anuncio na prensa que buscan na embaixada do Brasil un mordomo, posto que conseguiu e no que coñeceu a Sofía Baquero, que entrou a traballar na embaixada como doncela e coa que casaría en 1970.
Despois de abandonar a embaixada do Brasil foron varios os traballos desempeñados por Avilés, nas liñas aéreas de Iberia, como axudante nunha peixería, monta xunto con Sofía unha cafetería, que teñen que pechar, e pouco despois tamén rexentan un restaurante, que corre sorte similar, tamén traballa no restaurante de luxo La Tablita, nunha tenda de instrumentos musicais, vendeu libros polas casas...
Nestes anos escribe "Os poemas da ausencia", un feixe de composicións escritas entre 1963 e 1969 nos que a morriña e a saudade da terra e dos seres que aquí deixou se amosan na voz lírica do poeta, e que se recollerán no volume O tempo no espello.
Cara a 1971 instálase coa familia en Cali, onde exercerá como xerente da librería Cultural Colombiana de Occidente, posto que lle ofrecera José Porto. Foi unha etapa moi frutífera na que se integrou na vida social e cultural da terra caleña.
A idea de volver para Galicia é cada vez máis intensa e en abril de 1980 regresa a Galicia para preparar o traslado definitivo da familia, que se producirá en setembro dese mesmo ano.
Logo de barallar distintas posibilidades laborais, decídese por poñerse á fronte dun negocio hostaleiro, a Tasca Típica, que inaugura o 7 de novembro de 1980 e que se vai converter nun lugar de referencia para o mundo intelectual e literario de Galicia.
En 1982 aparece a obra Tempo no espello, volume editado por Ediciós do Castro que compila a obra poética anterior ao seu regreso a Galicia.
Tres anos despois ve a luz un novo poemario do poeta noiés, Cantos Caucanos, unha homenaxe á terra que o acolleu nos anos da emigración.
En 1989 publica As torres no ar, obra na que a terra natal e as súas tradicións son as protagonistas. Tamén deste mesmo ano é Nova Crónica das Indias, texto do que o propio autor dicía: "Na miña Nova crónica das Indias, que en certa medida, son atemporais, vén moito da miña historia persoal. Todos e cada un dos personaxes que aparecen no libro teñen algo que ver comigo. Dun xeito ou doutro cruzáronse na miña vida".
O labor poético e os artigos de opinión de Avilés destes anos noieses están presentes nas colaboracións que achega a Dorna, Agália, Boletín Galego de Literatura, A Nosa Terra, Luzes de Galicia, Barbanza, Seiva...
A presenza de Avilés na vida cultural, social e política foi unha constante desde a súa chegada, a década dos oitenta foi abondosa en conferencias, recitais, debates, mesas redondas, mitins... Foi un dos fundadores da Asociación Cultural Catavento, da que foi vicepresidente, e desde a que colaborou na organización de mostras de teatro, recitais poéticos, conferencias, actuacións, homenaxes etc. Participou no congreso fundacional da Asociación de Escritores de Lingua Galega, da que foi elixido presidente en 1986. Participa activamente da vida política, e desde 1987 a 1991 exerce como concelleiro-delegado de Cultura, no concello noiés polo Bloque Nacionalista Galego.
No ano 1991 comezan os síntomas da súa enfermidade, que aínda que nun principio non parece nada importante, será a causa da súa morte o 22 de marzo de 1992 na cidade da Coruña.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Encontro co autor : UNO DE TANTOS, de JOSÉ BALBOA

                                                   JOSÉ BALBOA RODRÍGUEZ  “Uno de tantos' narra una historia de aquellos que no tenemos voz". JOSÉ BALBOA  E O SEU BLOG  RELATOS DEL CAMINANTE A VENDA DESTE LIBRO DESTÍNASE Á INVESTIGACIÓN DA ELA  (Esclerosis lateral amiotrófica) MÉRCORES 31 DE MAIO ÁS 19:30h. Club de lectura Pintor de Castinande Biblioteca de Sober

Premiados Certames de Nadal

 O venres día 3 de xaneiro tivemos unha tarde chea  de premios. O alcalde de Sober, Luís Fernández Guitián, , fixo entrega dos premios e agasallos aos gañadores dos diferentes  concursos convocados polo Nadal.  Premiados ano 2024 CERTAME DE POSTAIS Categoría A 1º ALFONSO RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ 2º TEO CASTRO LÓPEZ 3º LUKA RIVERO LOSADA Accésit : ANTÍA RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ e LUKA RIVERO LOSADA Categoría B 1º GABRIEL DOURADO RODRÍGUEZ 2º XIANA RODRÍGUEZ ÁLVAREZ 3º ADA CASTRO LÓPEZ Premios á participación : -RESIDENCIA DE MAIORES  NOSA SEÑORA DO CARME                                         -CEIP PLURILINGÜE VIRXE DO CARME CERTAME DE BELÉNS Categoría infantil 1º XIANA RODRÍGUEZ e CARLA MARTÍNEZ PARDO 2º ADRIANA GONZÁLEZ DE LA TORRE 3º GABRIEL DOURADO RODRÍGUEZ Premio á participación : RESIDENCIA DE MAIRES NOSA SEÑORA DO CARME Categoría adultos 1º RAQUEL ÁLVAREZ PÉREZ 2º C...

Merendas con Contos - Febreiro