Ir al contenido principal

24 de febreiro : Día de Rosalía de Castro



O último venres de febreiro o Programa de animación á lectura Merendas con contos, estivo adicado a celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro ( Santiago de Compostela 24 de febreiro de 1837- Padrón 15 de xullo de 1885)  .

Durante esta tarde lemos e escribimos textos de Rosalía para incluilos na nosa fiestra particular, elaborada polos nenos e as nenas de Sober .

 A AELG ( Asociación de Escritores en Lingua Galega ) propón todos os anos unha acción para celebrar o nacemento de Rosalía, e neste 2018 o lema foi : 






"Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!
E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos."

María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#AbrideAFiestra




Rematamos esta tarde coa liberación de libros, bookcrossing, no lugar que temos no Parque infantil.




Comentarios

Entradas populares de este blog

Recomendaciòns lectoras

Recomendacións verán  

Lectura no campamento de verán 2025 'Coñece o teu concello'. 6

Poñemos punto e final ás lecturas no campamento de verán 2025 con dous libros imperdibles da editorial Kalandraka: Ratos de viaxe de Oli e Natalia Colombo e O conto do outro día de Roberto Aliaga e Noemí Villamuza. O verán e un momento fantástico para gozar coas grandes historias que se encontran nos contos!

Obradoiro de cianotipia no Faladoiro dos luns

O Faladoiro dos luns despediu este curso cun obradoiro para descubrir a cianotipia impartido por Lucía Lobelle.  Nel introducíronse no proceso, a historia e os materiais necesarios desta técnica fotográfica.