Ir al contenido principal

24 de febreiro : Día de Rosalía de Castro



O último venres de febreiro o Programa de animación á lectura Merendas con contos, estivo adicado a celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro ( Santiago de Compostela 24 de febreiro de 1837- Padrón 15 de xullo de 1885)  .

Durante esta tarde lemos e escribimos textos de Rosalía para incluilos na nosa fiestra particular, elaborada polos nenos e as nenas de Sober .

 A AELG ( Asociación de Escritores en Lingua Galega ) propón todos os anos unha acción para celebrar o nacemento de Rosalía, e neste 2018 o lema foi : 






"Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!
E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos."

María Reimóndez
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

#AbrideAFiestra




Rematamos esta tarde coa liberación de libros, bookcrossing, no lugar que temos no Parque infantil.




Comentarios

Entradas populares de este blog

Presentación da novela : Os segredos de Teresa, de Óscar M. Guzmán

 A biblioteca comeza as actividades para os adultos coa presentación da novela de Óscar M. Guzmán: "Os segredos de Teresa " que  foi presentada por Moncha Prieto (" Alma de barro " Ed. Xerais ).  Nas palabras de Moncha coñecimos á protagonista desta novela de intriga  : "Nacín no mes de Nadal de 1930. Coñecín o amor dunha nai ata que a fatalidade me escolleu como amante. Coñecín tamén o amor de Justo, un home que chegou ata ilegalidade por amarme.  No meu periplo vital leváchesme a lugares fermosos, emblemáticos para ti. Tanto me engaliolaron que neles fun deixando as miñas pegadas." Ao remate o autor asinou exemplares a todos os asistentes a esta primeira presentación do noso curso. 

Hoxe na biblioteca : Encontro có editor

Presentación do libro Mis 2 yos, de Mayte Gómez

 O próximo martes, 7 de novembro ás 18:00 h. Mayte Gómez presenta na biblioteca o seu diario/relato "Mis 2 yos" , basado en experiencias persoais da autora :  quiero reflejar dos puntos de vista de una misma persona, es decir, de mí misma. Ya que con el paso del tiempo he ido cambiando; pues empecé escribiendo el diario a mano en un cuaderno estando muy enferma, y lo termino transcribiéndolo al ordenador, siguiendo estando enferma, pero habiéndome recuperado en la medida de mis posibilidades. MARTES, 7 DE NOVEMBRO ÁS 18:00H. NA BPM DE SOBER POR MOTIVOS DE SAÚDE, ABSTERSE DE USAR PERFUMES. GRAZAS.